OS CONCELLOS

ALLARIZ

Allariz é un dos conxuntos urbanos máis interesantes de Galicia. Mereceu, en 1971, a declaración de Conxunto Histórico Artístico. Allariz é historia e tradición, modernidade e futuro.

O paseo pola vila e as paisaxes asombrosas do río Arnoia mergúllante nun espazo cunha fonda personalidade. E a súa monumentalidade reponde á importancia da súa memoria.

  


BAÑOS DE MOLGAS

Somos un concello turístico e dende hai máis de cen anos, coñécennos polas propiedades termais das nosas fontes, situadas na ribeira do río Arnoia, na localidade que dá nome ao municipio. Podémolas gozar no propio Balneario e na fonte da Burga, a carón da Ponte Vella.

Baños de Molgas ten unha das xoias da arquitectura relixiosa prerrománica na Península Ibérica: A Capela de Santa Eufemia de Ambía do século IX (parroquia de Santo Estevo de Ambía). Catalogada como Monumento Histórico Artístico dende 1931, e na actualidade tamén catalogada coma monumento BIC (Ben de Interese Cultural).